Sunday 12 de May de 2024

Ribeira celebrará o Encontro de Maiores cunha laconada e doces típicos de entroido


O Concello de Ribeira anunciou hoxe que o Encontro das Persoas Maiores se vai celebrar o vindeiro día 25 de febreiro no pavillón da Fieiteira que espera dar acollida a máis de 870 persoas maiores de 55 anos ou xubiladas. O evento comezará ás 12:00 horas coa celebración relixiosa e ás 13:00 horas coa recepción, por parte do alcalde e do goberno municipal, ás persoas participantes.

O alcalde de Ribeira Luís Pérez fixo o anuncio acompañado polo concelleiro de Servizos Sociais Vicente Mariño e polos presidentes do clubs de xubilados de Corrubedo Estrella Franco, de Palmeira Antonio Muñiz, de Aguiño Manuel Pérez e de Ribeira Cipriano Ramallo. Pérez Barral destacou que este Encontro do Maior “supón unha xornada de convivencia que contribúe a fortalecer os lazos de amizade e permítenos facer unha homenaxe a todas as persoas que tanto e tanto teñen contribuído para conformar o pobo que hoxe é Ribeira”.

O edil de Servizos Sociais informou que haberá autobuses, que sairán do porto comercial de Ribeira, para facilitar o acceso e evitar o uso do vehículo particular. “Ademais do xantar, haberá unha boa orquestra para amenizar a xornada da tarde” asegurou Mariño de Bricio.

As entradas terán un custo de 16€ e poderán adquirirse nas instalacións do Concello de Ribeira, localizadas no antigo auditorio, a partir do mércores 14 de febreiro. O pagamento farase mediante tarxeta nas propias instalacións municipais ou ben mediante unha carta de pago para levar ao banco.

Como principais novidades este ano é que o xantar terá como pratos principais os típicos do entroido: haberá entrantes, 3 mariscos, lacón con grelos, sobremesa de entroido e bebida. Ademais haberá dispoñibilidade menús para persoas intolerantes ou con problemas de alerxias ás que se lle faría un menú especial.

Dende o Concello de Ribeira informan que proceden á redución de gastos supérfluos e que a Corporación Municipal deberá mercar a entrada como calquera outro veciño.